jueves, 21 de noviembre de 2013

NON A SUBA DO CANON POLO TRATAMENTO DO LIXO

Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal, integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción relativa a “INSTAR Á XUNTA DE GALICIA A DESISTIR DA PRETENSIÓN DA SUBA DO CANON POLO TRATAMENTO DO LIXO NA PLANTA DA SOCIEDADE GALEGA DO MEDIO AMBIENTE (SOGAMA)”, con base na seguinte
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Nos últimos días vimos asistindo a titulares de prensa que facilita o goberno do Partido Popular neste Concello dicindo: “el ejecutivo pobrense congelará las tasas municipales para el 2014”. Continúan dicindo que “a intención é aliviar as cargas dos bolsillos dos pobrenses en medio dunha crisis”. Esta preocupación xurdiulle agora, de repente, xa que ese non foi o criterio que seguiron con respecto as taxas do ano 2012 e 2013, pese a situación dramática que xa estaban a vivir as familias. Na Pobra, non está equilibrada a presión fiscal que se exerce sobre as familias ca prestación de servizos públicos de calidade.

 Pese a todo, o goberno do PP, no ano 2012, incrementou a taxa do lixo un 3% (contabilizando o IPC do mes de agosto de 2011) máis 50 céntimos/mes por vivendas e 1€/mes as actividades económicas. No ano 2013 o incremento foi do 2.7% (IPC do mes de agosto 2012) máis 50 céntimos/mes vivendas e 1€/mes as actividades económicas.

Para xustificar esta subida de impostos o Partido Popular da Pobra explicaba que a taxa do lixo é unha taxa deficitaria e continuaba argumentando que os veciños teñen que contribuír a reducir o déficit estrutural do servizo. Con estes antecedentes temémonos que esa conxelación será efémera, mais cedo que tarde repercutirá nos nosos petos, por elo non debería parecerlle improcedente a este goberno municipal solicitar a urxente retirada da proposta de incremento do canon por tratamento de residuos e se non se retira a iniciativa que o custe do incremento do canon sexa asumido integramente polo Goberno autonómico.

No proxecto de Lei de Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, presentado pola Xunta de Galicia, e en concreto na Disposición Adicional 21ª, Dous, preténdese a revisión do canon unitario de tratamento por tonelada de lixo, a percibir pola Sociedade Galega de Medio Ambiente, pasando este a alcanzar un importe de 74,64 €/Tonelada métrica tratada, mais IVE.

            Na actualidade o importe que abonan os 296 concellos galegos, que utilizan os servizos de SOGAMA, é de 55,91 €/Tonelada métrica tratada, mais IVE, co cal, de aprobarse definitivamente a pretensión da Xunta de Galicia, o canon se incrementaría nun 33,5%.

            Xustifica a Xunta este desmedido incremento na caída das primas estatais que percibe SOGAMA pola valorización enerxética dos residuos (incineración de lixo), caída que ten a súa orixe nunha decisión do Goberno Rajoy.
            O certo é que, analizando as contas que se recollen no proxecto orzamentario autonómico para o próximo ano, SOGAMA, co novo canon, pasaría de ter perdas no exercicio de 2013 a ter uns beneficios no 2014 de 6.624.160€, despois de impostos.

            Non resulta comprensible, nin aceptable que unha sociedade do sector público autonómico galego como SOGAMA, adscrita á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas,  na que a Xunta de Galicia ten o 51% do capital social, se plantee, nos tempos de crise  que estamos a sufrir, a prestación dun servizo público, con afán recadatorio, toda vez que o fin da suba non é o de conseguir a  simple cobertura de costos do servizo, senón tamén o de xerar uns inxustificados beneficios, beneficios que serían directamente detraídos dos xa moi empobrecidos petos dos cidadáns.

            É de todos coñecido que a práctica totalidade dos concellos están a sufrir unha importante diminución dos seus ingresos, atopándose nunha situación moi delicada que lles ten obrigado a deixar de prestar ós seus veciños algúns servizos moi necesarios. De levarse a cabo este incremento que pretende a Xunta a penuria do municipalismo galego será moitísimo maior.

            A Xunta de Galicia, en vez de demandar compensacións ó Goberno central polos recortes que sufrirá SOGAMA nas primas pola coxeneración eléctrica, opta pola solución socialmente mais inxusta: incrementar o canon, obrigando ós Concellos a subir o canon que deberán abonar os seus veciños polo tratamento do lixo.
            Resulta insultante a carencia da mais mínima sensibilidade social da que da mostra a Xunta de Galicia do Partido Popular nun asunto como este. Gobernando baixo a fórmula do “ordeno e mando” da as costas ós galegos e castiga dun xeito inmisericorde os seus intereses.

            Os Socialistas apostamos por afrontar esta situación dende o diálogo e o respecto institucional entre os poderes locais, representados na FEGAMP,  e o poder autonómico, e demandamos da Sociedade Galega de Medio Ambiente ter cumprido coñecemento da realidade da súa xestión económico financeira e organizativa, así como dos parámetros de eficiencia medio ambiental e ecolóxica que alcanza no tratamento dos residuos que se lle confían.


Por todo iso, este grupo que represento solicita a adopción dos seguintes


ACORDOS:

1º. Demandar ó Presidente da Xunta de Galicia a urxente retirada da proposta de incremento do canon por tratamento de residuos, recollida na Disposición Adicional 21ª, Dous, do proxecto de Lei de Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.

2º. Demandar ó Presidente da Xunta de Galicia e ó Presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias a creación e posta en marcha dunha mesa de negociación, na que, coa presenza e colaboración de SOGAMA, se estuden os custos reais do tratamento de residuos dos concellos.

3º. Dirixirse a todos os Grupos políticos, con representación no Parlamento de Galicia, a fin de que requiran da Xunta de Galicia a realización dunha auditoría externa (económico financeira, recursos humanos, produción, medio ambiental, etc.) da Sociedade Galega de Medio Ambiente, dándose traslado dos seus resultados á totalidade dos concellos que utilicen seus servizos.

          4º. Demandar do Presidente da Xunta de Galicia que, para o caso de que non se retire a iniciativa da nova tarifa do canon de tratamento de residuos dos orzamentos autonómicos do 2014, o incremento que sufra o mesmo respecto ó do ano 2013 sexa asumido integramente polo Goberno autonómico, sen repercusión algunha nas transferencias ós concellos

A Pobra do Caramiñal, 12 de novembro de 2013.


No hay comentarios: