Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal,
integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.3 do R.O.F., para o
seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción en relación co colectivo de
beneficiarios de pensións do estranxeiro.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Dende o pasado mes de marzo aproximadamente,
milleiros de pensionistas galegos que perciben pensións de outros países, están
sendo notificados por Facenda para que presenten declaracións complementarias
da renda dende o ano 2008.
Moitos xa recibiron varias notificacións e unha
vez presentadas as declaracións complementarias empezan a comunicarlles tamén
as sancións.
Estamos ante reclamacións de pensións de países
como Alemaña, Francia, Suíza, Bélxica, etc., pensións que en moitos casos nos
países de onde proveñen están exentas de tributar pola súa contía, pensións que
non supoñen máis que 800-900 euros ao ano, que para coñecer o seu importe total
as persoas afectadas teñen que ir as súas entidades bancarias e sumar as
cantidades percibidas durante o ano anterior porque ningún organismo oficial
deses países comunica cada ano a contía da pensión a percibir nin teñen ningún
tipo de retención.
Reclamacións que si sumamos a complementaria máis
as sancións por non habelas declarado no seu día poden chegar a cifras de
12.000 ou 15.000 euros, para as que a Facenda estatal dá uns prazos de
devolución moi curtos e ademais con intereses.
A información oficial é confusa sobre quen ten a
obriga de declarar, e sobre os procedementos, de feito ata agora era habitual que
nas propias delegacións da facenda estatal se lles comunicase aos pensionistas
que as pensións estranxeiras non
tiñan que declaralas e o feito constatable de que están recibindo por milleiros
as reclamacións confirma que a meirande parte dos pensionistas entendían que
non era obrigatorio declarar estas pensións.
Mesmo hai sentenzas xudiciais que
así o entenden, pero a pesares disto están chegando máis e máis notificacións e
cando un contribuínte recibe a reclamación de 1 ano e, voluntariamente e para demostrar
que non houbo intención de ocultar estes ingresos á facenda, trata de entregar
as complementarias dos demais anos que lle poden reclamar, xa están
notificándolle dende a Facenda o seu requirimento, evitando así que poida
"librarse" da sanción por non habela presentado.
As persoas notificadas están
sumidas nun mar de dúbidas, non só pola escasa e pouco clara información que
reciben da facenda pública e a contradición evidente coas sentenzas xudiciais
xa existentes, senón polo grave problema que lles supón un desembolso económico
desa magnitude, cuns prazos tan curtos e con intereses, nun momento no que as
economías familiares non son moi boiantes e mesmo as persoas con pensión en
moitos casos son o principal sustento de moitos fogares.
A vía xudicial en persoas de
idade avanzada, con custos de avogados, procuradores, taxas xudiciais engadidos
aos custos de sancións e declaracións complementarias non se rebela como unha
solución axeitada para estes casos.
Ante esta situación se está xerando unha grave alarma nas persoas
pensionistas dado o elevado número de emigrantes que tivemos e que volvemos a
ter en Galicia.
Por todo iso, este grupo que
represento solicita a adopción dos seguintes
ACORDOS:
1º.- Solicitar ao Goberno de España que Axencia Tributaria (AEAT) exima dos
expedientes sancionadores ás persoas afectadas.
2º.- Solicitar do Goberno de España e do Goberno
de Galicia que a información que se traslade desde a AEAT a estas persoas sexa
transparente, sinxela e homoxénea.
A Pobra do
Caramiñal, 06 de xullo de 2013.
No hay comentarios:
Publicar un comentario