Mª
Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal,
integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.3 do R.O.F., para o
seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción
sobre medidas do Concello da Pobra do Caramiñal fronte aos
desafiuzamentos.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Coa
crise e o aumento alarmante do desemprego, centos de miles de familias están a
chegar a unha situación límite que non lles permite cubrir as súas necesidades
máis básicas. O Concello de A Pobra do Caramiñal non é alleo a este fenómeno,
xa que continúan a producirse cada día máis casos de familias completas con
todos os seus membros no paro, familias que ven como un dos seus maiores
logros, a súa vivenda, pode estar en perigo por unha execución hipotecaria que
pode provocar a perda do inmoble. E aínda por riba de perder a vivenda, estarán
expostos a unha condena financeira de
por vida.
No
procedemento xudicial hipotecario a vivenda póxase e a Lei de Enxuizamento
Civil establece que, no caso de non presentarse poxadores, algo que acontece na
maioría dos casos, o banco ou a entidade prestamista pode adxudicarse a vivenda
polo 60% do valor da taxación. É dicir: non só poden quedar coa vivenda por un
prezo moito menor do que se taxou ao firmar a hipoteca, senón que ademais unha
boa parte da débeda mantense (unha vez descontado o valor polo que se poxou a
vivenda), incrementada por grandes gastos xudiciais e honorarios profesionais.
Ademais, como resultado de todo iso, aos debedores embárganselles os bens e
ingresos, tanto presentes como futuros, para saldar a totalidade da
débeda.
Esta lexislación, que non se aplica noutros
países, era descoñecida polas familias cando rubricaron as hipotecas. Así, a
situación é aínda máis grave, xa que pode considerarse que os hipotecados se
viron sometidos a unha publicidade enganosa, sometidos á sobrevaloración das
taxacións das vivendas e tamén, a unha linguaxe pouco doada de comprender nos
contratos que firmaron.
Hoxe
en día, calquera non pagamento pode
supoñer o vencemento anticipado de todo o que adebedan, e nos contratos que
firmaron agochábanse numerosas cláusulas abusivas, como as do só - teito, ou
dos intereses moratorios, que oscilan entre o 18 e o 20 por cento.
Por
todo o exposto, consideramos que se está a vulnerar un dos dereitos
fundamentais dos cidadáns, o da vivenda. O artigo 47 da Constitución di que “Todos os españois teñen dereito a unha
vivenda digna e adecuada e que os poderes públicos promoverán as condicións
necesarias e establecerán as normas pertinentes para facer efectivo este
dereito, regulando o uso do solo de acordo co interese xeral para impedir a
especulación”.
A
perda da vivenda tamén leva consigo a perda doutros dereitos e impide ás
persoas afectadas realizarse no ámbito familiar, e profesional, e condena en
moitos casos á marxinación e exclusión social.
En
definitiva, a situación de desamparo na que se atopan algunhas das nosas
familias, asfixiadas por unha situación laboral cada vez máis insostible e unha
hipoteca froito da avidez de especuladores e entidades financeiras, é moi preocupante.
Polo
tanto, o Real decreto sobre desafiuzamentos que aprobou o día 15 de novembro o
Goberno de España é un parche insuficiente que non soluciona o problema na súa
dimensión real, ao quedar excluídas das medidas miles de familias que van a
seguir sufrindo igual que ata o de agora a súa dramática situación, que levou a
horrorosos desenlaces coa perda de vidas.
Por todo iso, este grupo que represento solicita
a adopción dos seguintes
ACORDOS:
PRIMEIRO.- Instar ao Goberno Central para que ninguén quede sen vivenda por non
poder facer fronte ao pago da súa hipoteca, e que de igual maneira que xa se fai cas
empresas, se lles permita renegociar a súa débeda, dándolles tempo para pagala.
SEGUNDO.- Instar ao Goberno para que adopten as medidas
necesarias para que, nos supostos de vivenda habitual e insolvencia sobrevida
de boa fe, se aplique a dación en pago, regulada no artigo
140 da Lei Hipotecaria, de tal xeito que, a elección do debedor, se poida
cancelar, sen execución hipotecaria, a totalidade da débeda pendente coa
entrega da vivenda, aínda que isto non fora pactado ao formalizarse a hipoteca.
TERCEIRO.- Instar ao Goberno Central para que adopte as medidas
necesarias para evitar os desafiuzamentos no caso de vivendas en aluguer, coa
retirada da anteproxecto de lei para a dinamización da vivenda en aluguer, que
prevé desafiuzamentos en 10 días, co fin de mellorar a protección da cidadanía
en momentos de tribulacións económicas.
CUARTO.- Instar ao Goberno para que se adopten todo tipo de
medidas tendentes a que os poderes públicos dean cumprimento efectivo ao
mandato do art. 47 da Constitución Española, e se estuden saídas xustas á cuestión das vivendas baleiras.
QUINTO.- Dar traslado destes acordos ao Parlamento Autonómico de
Galicia, así como ao Congreso e ao Senado.
SEXTO.- Máis aló das medidas de competencia estatal, propor a
adopción das seguintes medidas para emprender a nivel municipal:
6.1. Revisión dos protocolos de actuación de Servizos
Sociais nos casos de desafiuzamento, e colaboración á hora de pedir aos xuíces
a suspensión do desafiuzamento cando este sexa por motivos económicos e ser refira
á vivenda única e habitual.
6.2. Non poñer ningún axente da Policía Local a
disposición das ordes de desafiuzamento.
6.3. Interpelar ás entidades financeiras que operan no
municipio para esixirlles a paralización dos desafiuzamentos e a condonación de
débedas ilexítimas froito do actual proceso de execución hipotecaria, coa
indicación de que en caso contrario, procederase á retirada dos fondos
municipais de ditas entidades.
6.4. Colaboración dos servizos xurídicos do Concello
en todos os casos que o requiran.
A Pobra do Caramiñal, 15 de novembro de 2012
No hay comentarios:
Publicar un comentario