O instituto da Pobra do Caramiñal está situado aproximadamente a dous quilómetros do centro urbano, no lugar coñecido como O Maño, na parroquia de Santa María do Xobre. Moitos dos usuarios, a maioría estudantes de diversas idades, teñen que percorrer a distancia que separa o instituto dos seus domicilios diariamente a pe. A súa especial situación supón que se trata tamén da principal vía peonil que conecta O Maño con servizos tan importantes para toda a cidadanía da vila como son o centro de saúde, o polideportivo e a piscina municipal.
O pavimento das beirarrúas da rúa Venecia está afundido a partir do taller de Rodrigo por culpa da permisividade do Concello co estacionamento sobre as mesmas e a falta dun adecuado mantemento, o que provoca que cando chove se inunden e que sexan dificilmente practicables por persoas con problemas deambulatorios debido á falta de horizontalidade do solo.
Xa no tramo da rúa Venecia que discorre entre a couzada ocupada polas naves de Lumar e a antiga discoteca Búmerang e o paraxe coñecido como A Campa, as beirarrúas son literalmente inexistentes a ambos lados da calzada, xa que non están pavimentadas e as labores de contención da vexetación non son suficientes nin adecuadas, o que as fai completamente intransitables e obriga aos peóns a circular pola calzada. Esta circunstancia agrávase coa chuvia, xa que debido á inexistencia dun sistema de evacuación das augas pluviais, estas acumúlanse en grandes charcos nos bordes da vía, polo que os usuarios teñen que circular practicamente polo eixo da rúa, cun evidente perigo para a súa seguridade e a do tráfico rodado.
Terminado este tramo, nas inmediacións da ponte de Santo Antonio, non existe un paso de peóns que permita cruzar a rúa en condicións de seguridade, sendo de coñecemento público que a cruzan a diario ducias de persoas, moitas delas menores de idade.
É preciso ter en conta que aparte da comunidade escolar que acude ao centro a diario, que proporciona un volume considerable do total do tráfico peonil anual desa zona, O Maño é unha zona moi populosa onde tamén están as praias de Cabío, que atraen a numerosos veciños e visitantes no verán, moitos dos cales tamén acoden a pe nunha época na que o tráfico rodado se incrementa enormemente aumentando exponencialmente o perigo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario