viernes, 11 de febrero de 2011

A CULTURA NON É UN OBXECTIVO PARA O PP



A biblioteca municipal “Victoriano García Martí” da Pobra do Caramiñal, situada no segundo andar do número 25 da rúa Castelao, malia ser a única biblioteca municipal da vila, está a ser esquecida polo goberno local, que mostra coa súa deficiente xestión deste activo cultural unha política municipal completamente insensible ás necesidades e inquietudes culturais dos pobrenses e daqueles que nos visitan.

Son moitos os veciños que ante a falta de resposta do Concello acoden a esta Agrupación Local a formular as súas queixas e suxestións, entre as que destaca unha queixa xeneralizada no tocante aos horarios de apertura, queixas relativas aos fondos bibliográficos, e queixas sobre deficiencias nas instalacións, que están a provocar unha perda de usuarios que demostra que o actual alcalde non ten un compromiso firme coa cultura na nosa vila.

Horarios de apertura.- A biblioteca abre unicamente de luns a venres en horario de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 20.00 h, e pecha as súas portas o sábado e o domingo. Este horario impide que as persoas traballadoras poidan acceder á biblioteca os días laborables pola case mimética coincidencia co horario laboral, atopando as portas pechadas nos días de descanso semanal e nos días festivos. Asemade, resulta usual atopar a biblioteca pechada dentro do horario sen previo aviso do Concello, ás veces cunha simple nota na porta na que se modifican os horarios habituais, debido á incorrecta cobertura dos permisos, licencias e vacacións do persoal da biblioteca, cuxos dereitos laborais entran en conflito co dereito de acceso á cultura dos pobrenses pola incapacidade de xestión da Concelleira e o desinterese do goberno municipal; todo isto provoca que moitos estudantes se despracen ás bibliotecas dos concellos limítrofes en épocas de exames.

En definitiva, os horarios da biblioteca non están adaptados aos usuarios da mesma que fundamentalmente son os estudantes. Estes atópanse ca porta pechada e con horarios insuficientes na época que máis o necesitan, cando teñen que preparar exames.

Fondos bibliográficos e instalacións.- Resulta salientable que os libros en galego se atopan “ocultos” nunha planta superior, de difícil acceso e que conta soamente con tres postos de lectura, o que supón unha discriminación á cultura galega por parte do goberno do PP, e non existe un programa da Concellería responsable para que as novas adquisicións e actualizacións se seleccionen por temáticas segundo a interese dos usuarios. A biblioteca carece tamén dun arquivo bibliográfico permanente, de forma que os libros de uso cotiá comparten estante con outros de uso ocasional nunha competición cultural absurda que consume espazos da biblioteca, cuxos puntos de lectura xa están en pugna coas sombras dos usuarios que se proxectan sobre os libros por causa dunha incoherente distribución do mobiliario e das luminarias do teito. Carecen de catálogo para buscar libros e a iluminación é moi deficiente.

Son destacables os ruídos producidos polas oficinas existentes no local de abaixo e no da planta superior, ademais do mal funcionamento da porta de entrada da biblioteca. Tamén pensamos que a distribución non é a adecuada xa que para chegar ata o bibliotecario tes que percorrer todo o local, e consecuentemente, molestando as persoas que alí están estudando.

Estas deficiencias únense a unha falta de accións de fomento da lectura por parte do goberno local, até o punto de que o PP converteu á Pobra do Caramiñal na única poboación do Barbanza que non organiza ningunha actividade na súa biblioteca, o que demostra que para o goberno local de Isaac Maceiras, unha biblioteca é un vulgar almacén de libros.

Debe pensar este goberno do Sr. Maceiras que a cultura non dá moitos votos, pero a educación é o que nos iguala a todos e fainos libres.


No hay comentarios: