miércoles, 8 de abril de 2009

Un Concello endebedado = un Alcalde ¡IRRESPONSABLE!

Onte fixemos outra rolda de prensa que podedes ver no enlace de TV Salnés xa que fomos noticia de portada e no que, a nosa portavoz Teresa García Gillán, enumerou todo o relativo ós "números" do Sr. Emperador da Vila, Isaacc O Magnífico. A continuación, o resumo do que foi a rolda de prensa. O dos "números" refírese aos números do Concello, non confundir cos "numeritos" do PP.

O ano pasado o informe do Consello de Contas nos informaba do estado case de ruína do noso Concello, agora o Ministerio de Economía e Facenda nos di que do ano 2008, debémoslle os bancos 3.305.000 euros.

Fai uns días foi publicado polo Ministerio de Economía e Facenda a relación da débeda viva dos concellos españois. Ao consultala vemos que unha vez máis a Pobra do Caramiñal salienta entre un mar de concellos endebedados. A gran xestión do PP pobrense, Cun Magnífico Maceiras ó fronte lévanos de cabeza ó fracaso económico.

Estiveron recorrendo irresponsablemente a créditos, para pagar outros créditos. Pero claro volverán a botarlle a culpa a Rego. Aumentaron a débeda de tal forma que calquera goberno que lles suceda vai ver moi comprometida a súa actuación.

A relación do Ministerio de Economía infórmanos que a débeda viva, o que lle debe o Concello aos bancos, é de 3.305.000 € (550.800.000 ptas). Esta cantidade convértenos no ¡¡¡¡segundo concello máis endebedado do Barbanza e o 35 de toda Galicia dun total de 316 concellos!!!. Entre os concellos de entre 5000 e 10000 habitantes somos os segundos máis endebedados. Gracias a esa xestión tan exquisita temos o dubidoso honor de ocupar postos de saída en tódolos informes oficiais.

Esta débeda cando a calculamos por habitante dános como resultado que cada pobrense débelle 332,7 € aos bancos. Este nivel de endebedamento nos pon por diante de cidades como A Coruña 316, Vigo, Pontevedra 299, Ferrol 305, Ribeira 237, etc.

A incapacidade que están demostrando na área económica raia o indecente, en vez de facer caso aos interventores, ao Consello de Contas, aos expertos, eles continúan ca súa deriva ascendente nos gastos, rozando unhas recadacións por impostos da construcción que ninguén os cre, incluíndo nos orzamentos partidas de diñeiro que nin saben si llas van conceder.

Os orzamentos son todo fume, pero a realidade dánola os entes fiscalizadores que cada día que publican un novo informe económico déixanos claro que nos estamos afundindo, que nos están arruinando e que cada día que pasa Maceiras endebédanos máis.

Non queremos alarmar, senón que estamos poñendo de manifesto o descontrol no que estamos mergullados os veciños da Pobra. Estes datos están dispoñibles na páxina oficial do Ministerio de Economía e Facenda, co título “deuda viva de las entidades locales”

Non nos esquecemos dos informes que fai a intervención do Concello, os cales son demoledores ano tras ano, se nos ven recordando que arrastramos un remanente de tesourería para gastos xerais de -1.814.087,17 euros. É dicir, arrastramos un capital constante acumulado de números vermellos e non hai vontade por corrixir a situación. A propia intervención do Concello lle di que a situación precisa ser depurada e que non foi adoptada ningunha medida en todos estes anos de goberno. Quere esto dicir que a prudencia, a cautela ca que se deben manexar os cartos de todos, non existe nos responsables deste goberno. Non somos os socialistas os que calumniamos ou mentimos, son as Administracións Públicas as que lle recriminan a súa xestión.

Lembrar que os gastos de persoal ascenden a 3.114.774,36 euros, que representa o 44,49% dos gastos totais do concello da Pobra do Caramiñal. Incrementan a plantilla do persoal do concello en base a criterios CLIENTELARES, E DE AMIGUISMO, cando o número de habitantes baixa. Unha vez máis, os organismos oficiais falan dunha poboación de 9.934 habitantes. Son datos alarmantes que nos van facer baixar a categoría do concello e vamos a percibir menos cartos do estado. Pedimos ó “Magnífico”, que se adopten criterios de eficacia, eficiencia, de administración racional dos ingresos e dos gastos, de distribución dos mesmos.

O criterio non pode ser a estética dunha fonte ou dun xardín, cando aos veciños de Sende xa non lle levan o pan a casa, ou os da Pedreira tapan eles mesmos as covas da estrada para poder gardar os coches nos garaxes. Estes son uns exemplos de actuacións de primeira necesidade. O equilibrio, en función das necesidades debe ser o que debe primar para calquera goberno que se precie en ser o de todos. Que por certo, a día de hoxe, temos claro que este non o é.



No hay comentarios: