jueves, 22 de octubre de 2015

MOCIÓN SOLICITANDO A MODERNIZACIÓN DO ADSL




Mª Teresa García Guillán, concelleira do Grupo Municipal Socialista do Concello da Pobra do Caramiñal, o abeiro do disposto no art. 97/3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción relativa para que se modernice, especialmente na zona rural, a rede de banda ancha.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS


O sector das comunicacións é un pilar básico e imprescindible para avanzar na consolidación do tecido produtivo do país para ampliar as expectativas económicas e para establecer novos parámetros acordes cunha sociedade igualitaria e integradora.

É indiscutible que as telecomunicacións constitúen un dos sectores máis dinámicos da economía e un dos que poden contribuír ao crecemento, a produtividade, ao emprego e polo tanto o desenrolo económico e o benestar social e, tal como afirma a Comisión Europea “O despliegue de redes ultrarrápidas pode ter un importante impacto na creación de emprego, estimándose que a innovación podería xerar dous millóns de empregos para o 2020, incluídos traballos en sectores relacionados, como a provisión de contidos ou a fabricación de equipos”.
Os beneficios que aportan as redes de nova xeración e a banda ancha para o mercado de traballo, a economía e para unha sociedade cada vez máis tecnolóxica e baseada na información, a innovación e o coñecemento incrementa as posibilidades de competitividade, crecemento económico e creación de emprego.

Así pois, a inversión en novas tecnoloxías, factor clave para saír da crise, require ó mesmo tempo a garantía de acceso ás mesmas de toda a cidadanía así como un marco regulamentario adecuado para o seu desenrolo.

Neste aspecto, a Unión Europea se comprometera a través da Axencia Dixital para Europa, a garantía de acceso da cidadanía europea á banda ancha básica antes do fin de 2013, garantía que obviamente no se consolidou fundamentalmente nas zonas rurais.

Durante moitos anos España, foi dos países que máis pagaban pola conexión a Rede de redes, chegando a ser o país máis caro de Europa. O acceso a internet de banda ancha é caro e de malísima calidade na zona rural do noso concello, o que ralentiza o desenrolo da sociedade da información. O acceso a internet debería ser considerado como un servizo universal, o que obrigaría a Administración a garantir a súa dispoñibilidade a calquera cidadán, viva onde viva.

As redes seguen pertencendo na súa gran maioría a todopoderosa Telefónica, que as herdou do antigo ente estatal, o cal sendo xa unha empresa privada e servíndose dos recursos que antes eran públicos, marcaron nos últimos anos o ritmo do acceso a internet.
O control da tradicional rede de cobre, a R.T.C. (Rede Telefónica Conmutada), que era propiedade da Compañía Telefónica Nacional de España, foi outorgada a Telefónica tras a súa liberalización. A rede que era de todos, continúa  hoxe en día sendo alugada por Telefónica, xa como empresa privada, ao resto de operadores.
A operadora propietaria da rede tradicional non parece que se esforzou demasiado por mellorar a súa rede nos últimos anos. De feito, boa parte dos usuarios do entorno rural vense obrigados a optar por novas tecnoloxías para conectarse a internet.
Os veciños e usuarios deste concello que teñen as vivendas situadas a unha distancia igual ou superior aos 2 km da centraliña teñen verdadeiros problemas para ter unha conexión digna a internet, porque a maior distancia da centraliña, menos velocidade e estabilidade na conexión. E o que ven sendo máis grave, a estas persoas cóbranlle o recibo como si o servizo que lle presta a compañía fora de calidade e ultrarrápido.
Acabar ca fractura dixital non constitúe unicamente un dereito de sectores sociais ou da cidadanía en xeral, senón que se relaciona directamente ca economía das zonas rurais, que é en si mesmo, fonte de riqueza e emprego.
Por todo iso, este grupo que represento solicita a adopción dos seguintes

ACORDOS:


1º.- Instar ao Goberno de España a garantir con carácter urxente e en colaboración cas Administracións públicas implicadas, o acceso a banda ancha.
2º.- O Concello de A Pobra do Caramiñal fará as xestións necesarias, de maneira apremiante e inaprazable, para que no noso concello se modernice a rede pública, que un día foi de todos, e chegue o ADSL a todas partes no noso municipio con velocidade e estabilidade na conexión, posto que é una condición indispensable para poder competir nun mundo globalizado.
A Pobra do Caramiñal, 13 de outubro de 2015.



1 comentario:

Vicente Arias dijo...

Unha iniciativa moi boa e necesaria, penso que ideoloxías aparte todos debemos apoiar esta iniciativa claramente tomada en favor da xente en xeral. Noraboa e gracias.