A ASAMBLEA SOCIALISTA AVALA POR ACLAMACIÓN A CONTINUIDADE DE TERESA GARCÍA.
Así manifestámonos o venres pola tarde os militantes, que abarrotamos a sede socialista para analizar o resultado das eleccións municipais e dar resposta a decisión de Teresa de poñer á disposición da militancia a súa acta de concelleira.
Na análise coincidimos todos en que os malos resultados habidos no conxunto do estado, nos teñen afectado, a pesar de que o resultado segue a ser inamovible respecto de 2007 e que no caso de ter que escoller 17 actas en lugar de 13, o reparto sería o mesmo do anterior mandato, é dicir 9, 6 y 2. Así, o resultado arroxa unha alta participación do 74,54%, 4 puntos por riba da de 2007 e as porcentaxes de cada partido son practicamente as mesmas. O PP perde 92 votos, o BNG 51 e o PSdeG 40, o que traducido en termos porcentuais son descensos mínimos nos tres partidos e que, na nosa opinión, se corresponden co descenso do número de persoas censadas (530 menos que en 2007).
Os militantes consideraron nas súas intervencións que o inxente traballo levado a cabo pola nosa candidata Teresa García na súa calidade de concelleira, non dera, inxustamente, os froitos desexados e o voto útil, demandado polos frentistas ó longo da campaña, foi eficaz, si ben é certo que o voto útil neste caso sería votar ao PSdeG, xa que quedamos a 160 votos do segundo concelleiro, mentres que ao BNG o sexto sáelle moito máis caro en votos, e isto sempre e cando estes votos emigraran do PP cara a unha soa destas dúas formacións. De non ser así, si ese votos se reparten entre a esquerda, o PP seguirá disfrutando da maioría absoluta Os números falan e a única maneira de facer un goberno de progreso na Pobra é facendo que o PP baixe do 50% dos votos emitidos. O que hai que facer é tratar de convencer a parte do seu electorado, mentres o único que facemos é trasvasar votos entre as forzas de esquerda.
Constatamos así mesmo a enorme base social do PP, que elección tras elección, sitúano sempre por riba do 50% dos sufraxios (sempre por riba dos 3000 votantes) e vemos un fracaso rotundo da esquerda pobrense no seu conxunto, o feito de non ter sido capaces nin uns nin outros, de convencer nin facer chegar a mensaxe de cambio a un só votante do PP. Recoñecemos que niso o PP está ben consolidado e dispón dun marxe de apoio moi amplo e difícil de rachar.
Sen embargo seguiremos traballando e denunciando aquelas actuacións do goberno local que consideremos oportunas, como vimos de facer ó longo destes 4 anos.
A asamblea avalou o enorme traballo levado a cabo pola nosa candidata e animamos a Teresa García a proseguir co traballo comezado, xa que conta co apoio unánime de toda a militancia. Así mesmo foron moitos os que destacaron que, grazas a ela e a súa xestión ao fronte da agrupación, esta atópase unida e sen fisuras e diso deu boa mostra unha militancia férrea e firme nas súas conviccións, que a revalidou no seu posto avalando o seu traballo e a súa continuidade por aclamación.
Imos seguir traballando pola Pobra e polos veciños. Estamos a vosa disposición e queremos rematar agradecendo a confianza que os nosos electores depositaron en nós.
No hay comentarios:
Publicar un comentario