miércoles, 8 de julio de 2009

UN ALCALDE QUE NON DEFENDE OS SERVICIOS DO SEU POBO

O Sr. Isaac incomprensiblemente, permanece mudo ante a opinión pública tras as declaracións dos membros do seu partido, (Sr. Torres e Sr. Ruiz), solicitando unha edificación para a Tesoreria de Seguridade Social en Ribeira.

Non comprendemos o sometemento que profesa o noso rexedor aos seus compañeiros de partido, obviando que tras esa despreocupación pode estar o desmantelamento da oficina da Seguridade Social na Pobra.

Solicitamos unhas declaracións contundentes e unánimes de toda a Corporación e de todas as forzas sociais e económicas do pobo co fin de apoiar a permanencia do CAISS na Pobra ou plantexar a ampliación dos Servizos Administrativos de ámbito comarcal, si fose necesario.

Unha vez mais, os temores e a preocupación dos socialistas da Pobra confírmanse. Tódolos sectores sociais e políticos de Ribeira apuntan para mobilizarse e conseguir para ese pobo unhas novas oficinas da Seguridade Social.

A Pobra, no Centro de Atención e Información da Seguridade Social, CAISS, atende as persoas e empresas dos municipios de Ribeira, Boiro, Rianxo e Pobra. A súa ubicación neste Concello non foi aleatoria, nin elixida ó azar, temos unha situación xeográfica privilexiada e envexable. Estamos equidistantes de Ribeira e Boiro e máis próximos para afrontar os veciños de Rianxo os desprazamentos.

Según puidemos ver días atrás, nos medios de comunicación, as amas de casa de Ribeira e a patronal queren facer presión ó Goberno de España, para conseguir esa futura sede comarcal. Soamente están pensando nos gastos que lle ocasiona a eles, desprazarse a Pobra. Si reflexionan e son solidarios con todas as persoas que vivimos no Barbanza, os habitantes dos pobos limítrofes temos que acudir a Ribeira á Delegación de Facenda, á Delegación de Pesca, ou incluso oHospital Comarcal que está no seu municipio. Déixense de mirar unicamente para o seu embigo e permitan diversificar os servicios Administrativos polos demais pobos.

É de sentido común que si se construíra esa sede integral en Ribeira tería serias consecuencias na Pobra, se desmantelaría o actual CAISS, xa que non tería sentido a duplicidade dos servicios nun radio de 8 km.

Para o noso razoamento, sirva de exemplo que para Santiago e a súa zona de influencia, hai soamente 1 CAISS, en Galeras. A poboación de Santiago é de 94.339 habitantes, atende ademais a Concellos limítrofes como Ames con 25.818 hab., e Teo con 17.625.
Continuamos co exemplo de Ferrol, tamén hai 1 CAISS. Ferrol ten 74.696 hab., Narón 37.008 e Fene 14.169, máis a área de influencia de concellos con menor poboación.
Estes exemplos ilústranos que non sería posible manter dúas instalacións próximas para atender a unha poboación inmensamente menor.

Os socialistas unha vez mais vémonos na obriga de criticar a política demagóxica e de falsas promesas da dereita deste pais. O Sr. Aznar cando foi presidente do Goberno, prometeu unha sede integral de S.S., baseándose en criterios políticos, cando é sabido que o INSS, como Institución, sempre utiliza criterios técnicos.

Para os socialistas da Pobra, é fundamental que se manteñan estas oficinas no noso Concello,dado que é a única Administración que nos queda; polo tanto pedímoslle ó Sr. Isaac que convoque a tódolos partidos políticos da Corporación, a todas as forzas sociais e económicas do pobo,; que non teña medo a ninguén, porque el ten a obriga de defender aos veciños da Pobra, a calidade de vida dos mesmos, e a traballar para conseguir que este pobo teña maiores cuotas de benestar e servicios.

A casa do Mar da Pobra, sita na rúa Castelao, nº 25, é parte integrante da Tesorería da Seguridade Social; na planta baixa está situado o CAISS.

Por Real Decreto 373/1999, de 5 de marzo transferíronse á comunidade Autónoma de Galicia en materia de asistencia e servizos sociais 280,18 m2 distribuídos entre as plantas 2ª e 3º do referido inmoble, que neste momento ocupa o Concello.

Os socialistas supoñemos que existe a autorización necesaria dos espazos que ocupa o Concello. De ser necesaria unha maior utilización deste inmoble por parte da Tesorería se poderían reordenar a utilización municipal desta edificación. Sería perentorio poñer a disposición da Tesorería máis espacios por si tiveran a necesidade de ampliar os Servicios Administrativos de ámbito comarcal.

No hay comentarios: