jueves, 21 de mayo de 2009

UN BIC QUE NON PERMITE VISITAS PÚBLICAS

Mª Teresa García Guillán, concelleira do Grupo Municipal Socialista do Concello da Pobra do Caramiñal, o abeiro do disposto no art. 97/3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción relativa a solicitude de cumprimento da normativa do réxime de visitas do Pazo Torre de Xunqueiras.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

A Torre Medieval , naceu como torre fortaleza, con carácter defensivo no século XIII e foi construída por orden de Fernán Martín. No século XIV constrúese o palacio, inspirado na súa gran maioría no Renacemento, como a balconada, que é unha das características da casa tanto pola súa beleza, como pola orixinalidade. O edificio conserva trazas da antiga fortaleza cuxo señorío sobre a Pobra do Caramiñal foille concedido polos Reis Católicos a Esteban de Xunqueiras pola súa participación na conquista de Granada. Son innumerables os personaxes que pasaron o longo da historia por este lugar, podemos destacar a Don Esteban de Xunqueiras, os Sotomaior, Diego Parragués (que acompañou nas súas campañas a D. Juan de Austria).
A mediados do século XIX incorporouse, por entronques familiares, a Casa de Medinaceli, e a finais deste século foi adquirida polo político Senador do Reino, D. Eduardo Gasset y Chinchilla, e os seus descendentes son os que ostentan a día de hoxe a propiedade.

Este Pazo foi declarado monumento histórico artístico o 27 de marzo de 1981, e na actualidade está incumprindo a lei 8/1995, do 30 de outubro, do Patrimonio Cultural de Galicia. Dita lei di no art.. 26.3 que:
“Os propietarios, posuidores e demais titulares de bens declarados de interese cultural deberán de facilitar a visita pública ós mesmos nas condicións que se determinen, que en todo caso será gratuíta durante catro días ó mes, en días e horario prefixado.”

Un BIC implica tamén adoptar medidas de conservación e protección. Temos que recordar que se solicitou licencia para arranxo dos xardíns do Pazo, con data do 8 de febreiro de 2008, e se denegou a solicitude de licencia, según nos consta, na acta da Xunta de Goberno Local do 15 de xullo do mesmo ano 2008. Pero a pesares da denegación da licencia pódense observar, na parte traseira do Pazo unha avenida sinuosa de olivas de nova plantación, entre outras melloras realizadas, contrastando estas olivas ca avenida de plátanos orientais que dan acceso ó Pazo.

Na actualidade a propietaria infrinxe o deber legal de establecer un réxime de visitas a un inmoble dun inmenso valor histórico, tendo en conta que para a súa conservación e restauración, recibiu axudas do Estado.

Por último, recordar que os Concellos teñen a obriga de protexer, defender e realzar os bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia que se ubiquen no seu termo municipal.
Corresponde á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva sobre o patrimonio cultural de interese de Galicia
Por todo elo, este grupo que represento solicita a adopción do seguinte


ACORDO:

Que polo Sr. Alcalde se proceda a adoptar as medidas necesarias para proceder ó cumprimento da lei 8/1995, do 30 de outubro, do Patrimonio Cultural de Galicia, en orden a establecer as visitas públicas ó Pazo torre de Xunqueiras, instando a Xunta de Galicia a aplicar dilixentemente a lei.

Pobra do Caramiñal, a 14 de maio de 2009

No hay comentarios: